A situación laboral en tempos de crise

En tempos de crise a publicidade redúcese e con ela os ingresos dos medios. A patronal, nun intento de manter a viabilidade empresarial do proxecto, busca novas fontes de ingresos e reduce gastos por onde poida. Algúns cadros de persoal xa se están a ver afectados por estes recortes, como é o caso do Diario de Pontevedra, que desde comezos de ano xa despediu a tres xornalistas, polo que os seus compañeiros e compañeiras tiveron que asumir a súa carga de traballo. Así o contou o presidente do comité de empresa, Serafín Alonso.



Máis dramática é a situación nos medios que dependen exclusivamente da publicidade, como os xornais gratuítos. En Galiza, ADN e Que! tiveron que pechar as súas portas e prescindir da totalidade do cadro de persoal. No caso de ADN chegouse a un acordo comercial con De Luns a Venres polo que se comparte a publicidade, pero isto non supuxo a salvación para os traballadores e traballadores. A medida que a crise económica vai tomando gravidade, a alternativa do despido é cada vez máis empregada polos diferentes medios de comunicación. Tal e como denunciou o secretario xeral do Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG), Xurxo Salgado, nos últimos meses “producíronse despedimentos en Europa Press e deixouse de reincorporar a xente con excedencias en medios como El Correo Gallego, La Voz de Galicia ou Vieiros”.

Pero o despedimento non é a única práctica empregada pola patronal para reducir custes no cadro de persoal. Os medios galegos están a recorrer a dúas técnicas diferentes e que afectan a dúas franxas de idade tamén distintas: a non renovación de contratos e as prexubilizacións. As principais vítimas da primeira táctica son as persoas máis novas que xa contan con peores contratos, así como os profesionais dalgún departamento técnico como fotografía. Esta práctica estase a levar a cabo en medios como Diario de Pontevedra, Faro de Vigo ou La Voz de Galicia. No que se refire ás prexubilacións, afecta aos é as xornalistas máis maiores, que adoitan ter mellor contrato e un salario máis alto. Para as empresas resulta moi rendíbel economicamente desfacerse destes traballadores, por iso nos últimos meses, medios como La Voz de Galicia ou Faro de Vigo están a ofrecer facilidades ás persoas máis maiores para que se prexubilen. O presidente do Sindicat de Periodistes de Catalunya (SPC), Dardo Gómez, reflexiona acerca destas técnicas.



Podémonos preguntar se os xornalistas están a ter algún tipo de reacción diante dos recortes e medidas tomadas pola patronal no transcurso desta crise económica. A iniciativa da defensa dos dereitos dos traballadores estáa a levar o comité de empresa de cada un dos medios. Isto materialízase na negociación dos novos convenios, nos que se prevé que haxa unha suba salarial moito menor que no pasado ano, e nalgúns intentos de manter todo o cadro de persoal a costa de conxelacións salariais como está a acontecer no Grupo Correo Gallego. Porén, o nivel de sindicación dos xornalistas é moito máis baixo que noutras profesións, e en ningún dos principais medios galegos supera a cifra do 10% dos traballadores. O secretario xeral do SXG, Xurxo Salgado, indica que estas cifras se deben en parte ao medo ao despedimento e en parte á idea de que formar parte dun sindicato implica tomar posicionamento político, o que poría en perigo a obxectividade. O presidente do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Xosé Manuel Pereiro, vai moito nesa liña e sinala que “a baixa sindicación é un dos motivos da precariedade laboral no mundo da comunicación e que a historia nos demostra que o único medio para conseguir cousas é protestar”.


A cidadanía enganada | A precariedade: inimiga da calidade | Xosé Manuel Pereiro: "o que está na nosa man é protestar"

0 comentarios:

Enviar um comentário